Ragdog, Miguel Costas, Eladio y los Seres Queridos e Iván Ferreiro en Castrelos

O sábado 6 de agosto o escenario do Parque de Castrelos acolle a partir das 22.30ha catro dos grupos de Vigo con maior proxección na historia musical da cidade. As catro propostas cobren un amplísimo espectro de tendencias e gustos; alí estarán Ragdog, un dos grupos pop-rock revelación do Estado nos últimos anos entre o público novo; noutra xeración enmárcase o ex Siniestro Total, Miguel Costas, que fará un repaso a algúns dos seus temas máis populares; seguirá Eladio y los Seres Queridos ou, o que é o mesmo, o triunfo paseniño do pop das historias cotiás, e pechará este fin de festa Iván Ferreiro, un dos artistas galegos máis consolidados no panorama do pop-rock en español desde os seus tempos de líder de Los Piratas. A todos eles sumaranse os mestres de cerimonias: Tony Lomba e o actor Manuel Manquiña. As entradas a 3€ poderán mercarse na billeteira de Castrelos desde dúas horas antes do comezo do concerto.

Na noite mainstream da música de Vigo tócalles aos Ragdog abrir fogo. Xorden como grupo en 2002 e desde aquela foron camiñando até convertese nun dos grupos españois de maior éxito nos últimos dous anos. En 2008 Rock in Rio e Summercase; en 2009 son fichados polo selo dixital Movistar, o seu primeiro álbum chega ao número un das listas de descargas con máis de 8.000 nunha semana, viaxe a Latinoamerica, premio Principales 09 ao mellor grupo novel, xira con Pereza en 2010 e encargados de quecer ambiente nos concertos españois de Shakira en 2011. Ragdog son Aleix Lores, Pablo García, Alberto Leyenda e Juanma Treita. O seu segundo disco chámase Bichos raros e nel déixanse levar ademais pola electrónica.

Costas é Miguel Costas, ex Siniestro Total, ex Aerolineas Federales, ex Los Feliz… Unha figura musical dentro e fóra da cidade. Miguel Costas volve aos escenarios en 2009 editando o que será o disco número dezasete da súa carreira Condenados a Costas con dezaseis novos temas cos que xira por toda España. Os mesmos músicos acompáñano no directo en 2011: Little Naya na guitarra, Coché Vil no baixo e Bojan na batería. Agora é o momento de presentar Costas is back, un disco que repasa os temas máis coñecidos das súas anteriores formacións e no que contou coas colaboracións de :Vega, David Summers, kutxi (Marea), Rosa (Aerolineas Federales), Alvaro (Pignoise), Rosendo, Def Con Dos, J.M.Casañ (Seguridad Social), Edurne, Johnny (Burning) Silvia Superstar, Modestia Aparte, Bimba Bosé e Miguel Angel “El Sevilla” (Mojinos escocios) entre outros.

Eladio Santos é un figura recoñecida no panorama musical español e Eladio y los Seres Queridos a súa última e exitosa aventura musical. Asegura ir contra as tendencias e correntes pero sen dúbida o seu disco Están ustedes unidos é unha das grandes noticias do pop estatal nos últimos meses. Non son poucos os que ven nel a esperanza rexeneradora da escena musical española, eternamente en cuestión e sometida a altibaixos; no que si coincide a crítica é no exquisito tratamento do cotiá nas súas cancións. A fermosura das melodías e as historias entendidas por todos conseguen que a música de Eladio sexa, por que non dicilo, apegadiza. Un runrun que permanece na cabeza de quen a escoita. Fíase da intuición e gústalle o espontáneo. Abofé que a fórmula funciona: Eladio Santos é un dos músicos que, como xa sinalamos, fan que Galicia sexa un punto de referencia da creatividade musical dentro do Estado.

Na noite dos artistas vigueses de maior proxección non podía faltar Iván Ferreiro. O ex líder de Los Piratas non se afastou do mundo do música cando en 2003 o popular grupo vigués se separou. Todo o contrario: levantou o disco Canciones para el tiempo y la distancia, que en 2005, converteuno nunha das figuras máis destacadas do pop español Desde aquela, unha morea de directos e de proxectos, como o chamado Laboratorio Ñ, ou unha especie de Gran Irmán en Bos Aires con músicos de ambas beiras do Atlántico pechados co obxectivo de crear novas cancións. O seu último disco, editado en 2010, chámase Picnic Extraterrestre e nel volve poñer toda a carne no asador, co seu intenso e emocional xeito de cantar creando eses climas dos que o seu abondoso e fiel público quere gozar.

Pop e rock de autor con Abraham Boba e Amaro Ferreiro o venres 5

O venres 5 de agosto o Festival Son de Vigo acolle a partir das 22.30h unha noite de arrecendos pop e rock cun denominador común nas dúas propostas: trátase dunha mostra excepcional da canción de autor no século vinteún. Amaro Ferreiro e Abraham Boba protagonizan dous concertos na Praza da Constitución nos que poñerán de manifesto a súa habilidade para retratar situacións cotiás e convertelas en fermosas cancións apegadizas. Os dous artistas teñen máis cousas en común: ambos compartiron escenario con grandes figuras do pop e rock estatal e, tras anos formando parte de proxectos alleos, emprenderon con éxito as súas carreiras en solitario. Como nos concertos precedentes de Son de Vigo, Tony Lomba volverá a exercer de mestre de cerimonias.

Coa publicación en 2007 do disco Laciudaddelasagujas, o seu primeiro disco en solitario, Amaro Ferreiro demostrou sobradamente que como músico era moito máis que o irmán compositor e guitarrista de Iván Ferreiro. Naquel disco, que contaba coas colaboracións de Xoel Deluxe, Eva Amaral, Leiva de Pereza e o propio Iván, o artista asumia en solitario as súas creacións poñendo en primeiro plano a súa voz e guitarra. Agora mesmo anda embarcado nun proxecto novo chamado Glez, xunto aos músicos Emilio Saiz, Suso Saiz e Toni Toledo.

Na noite máis intimista do Festival Son de Vigo a praza da Constitución acolle tamén a Abraham Boba, un músico que fai un retrato da sociedade en cada unha das súas cancións. Son xa tres discos os que leva editados desde 2007; o último, Los días desierto. A crítica destaca del o seu andar paseniño, paciente, o seu papel durante anos de músico na sombra de artistas como Nacho Vegas, para, agora, chegar a un momento adulto como cantautor pop no que é capaz de proclamar, con aparente inocencia, duras sentencias sobre a realidade. David Cobas Pereiro, alias Abraham Boba, considérase un escritor e compositor de cancións.

 Os concertos da Praza da Constitución  teñen entrada libre e son presentados por Tony Lomba. O sábado 6 de agosto o escenario trasládase ao Parque de Castrelos e as actuacións de Ragdog, Miguel Costas, Eladio y los Seres Queridos e Iván Ferreiro contarán coa presentación, ademais, do actor Manuel Manquiña. Os que queran gozar das actuacións ben preto dispoñerán de entradas a prezo popular: 3 euros. A compra anticipada de entradas pode realizarse até o mesmo sábado ás 13h na Central de Espectáculos de Vigo (Velázquez Moreno, 26).

A noite máis tola con Leo i Arremecaghona e Alfeizar o xoves 4

A segunda noite do Festival Son de Vigo, o xoves 4 de agosto, é, sen dúbida, a máis inclasificable de todas e ten un obxectivo claro: que a xente goce e se divirta con dúas propostas completamente desinhibidas e sen complexos.  Os concertos de O Leo i Arremecaghona e do grupo Alféizar suben ao escenario as iniciativas musicais máis persoais e singulares da cidade e poderíamos dicir tamén do panorama musical galego no seu conxunto.  Todo acontecerá a partir das 22.30h do xoves 4 de agosto na praza da Constitución nunha noite conducida por Tony Lomba.

O primeiro en saír ao escenario ás 22.30h será Leo i Arremecaghona, o artista de Matamá, dato que pode parecer pouco trascendente, pero o certo que este cantautor, escritor e, tamén, en boa parte, humorista, reivindica as súas orixes. Leo non é só unha home coa súa guitarra; as súas performances indubidablemente revolucionaron o concepto de canción protesta galega. Ademais é polifacético, en 2007 Edicións Xerais publico o seu libro de poesía Hai cu. Por certo, foi o encargado de poñerlle a banda sonora á entrega dos últimos premios Xerais na Illa de San Simón. Non para; desde hai catro anos percorre todos os recunchos do país coa súa guitarra.

Que dicir de Alféizar? Eles mesmos autoproclámanse representantes da “lírica comarcal” e a súa posta en escena levanta o ánimo a calquera. Gonzo Alonso e Beni Gago, artistas veteranos na escena viguesa, transfórmanse como Alféizar enganchando xa a un público que acode ás súas actuación a pasar un momento inesquecible. Non esaxeramos se dicimos que temas como La guarida del Amor, Tattú ou El culo manchado de caca son coreados como hits nos seus concertos. Alféizar non podía faltar na noite máis singular de Son de Vigo.

Á venda as entradas do concerto do sábado 6 en Castrelos

Ragdog, Miguel Costas, Eladio y los Seres Queridos e Iván Ferreiro. Ese é o cartel de artistas que o sábado 6 de agosto subirá ao escenario de Castrelos dentro do Festival Son de Vigo. As actuacións contarán coa presentación conxunta do actor Manuel Manquiña e do cantante Tony Lomba. Os que queran gozar das actuacións ben preto dispoñerán de entradas a prezo popular: 3 euros. A venda anticipada de entradas realízase a través de www.servinova.es, no teléfono 902 434 443 (ambos con 0,75 céntimos de gastos de distribución) e na Central de Espectáculos de Vigo (Velázquez Moreno, 26).

El Puto Coke e Wöyza abren o mércores 3 o Festival Son de Vigo

O hip hop de Vigo encabezado por El Puto Coke e Wöyza abrirá mañán mércores 3 de agosto o primeiro Festival Son de Vigo a partir das 22.30h na Praza da Constitución. A concellería de Cultura e Festas e a Alcaldía de Vigo impulsan este espazo propio para a música de Vigo, un punto de encontro nas festas de verán para os artistas que desde a cidade proxectan o seu traballo cara novos mercados e públicos. Do 3 ao 6 de agosto o público vigués poderá asistir ás actuacións de El Puto Coke, Wöyza, Leo i Arremecaghona, Alféizar, Amaro Ferreiro, Abraham Boba, Ragdog, Miguel Costas,  Eladio y los Seres Queridos e Iván Ferreiro.

El Puto Coke e Wöyza son dous artistas que representan como ninguén a escena hip hop da cidade de Vigo, cuxas fronteiras xa traspasaron ao longo da súa traxectoria. El Puto Coke, MC e compositor, é xa unha referencia dentro do estilo e un dos produtores destacados en Galicia.  De feito, creou hai catro anos a súa propia produtora Licor Kafé. En 2011 sorprende a público e crítica co seu single Gal-Ego, unha nova reviravolta nos máis de quince anos de carreira musical.

En canto a Wöyza, no momento da súa aparición en 2003 como cantante de hip hop e soul, converteuse nunha das sorpresas da cidade, onde emprendeu unha frutífera colaboración con El Puto Coke. Colaborou con grupos de referencia como os portugueses Mind da Gap e máis recentemente no álbum de Nach. O pasado ano representou a Galicia no festival de Lorient. Amante da música negra, Wöyza é xa todo un acontecemento no hip hop estatal. Con El Puto Coke e Wöyza estarán na Constitución outros representantes do hip hop de Galicia como Seilaesencia, Dr. Valda, Sale e Centinela, ademais do gaiteiro Anxo Lorenzo e o guitarrista Isaac Garabatos.

Os concertos da Praza da Constitución  teñen entrada libre e serán presentados por Tony Lomba. O sábado 6 de agosto o escenario trasládase ao Parque de Castrelos e as actuacións contarán coa presentación, ademais, do actor Manuel Manquiña. Os que queran gozar das actuacións ben preto dispoñerán de entradas a prezo popular: 3 euros. A venda anticipada de entradas realizarase a través de www.servinova.es, no teléfono 902 434 443 e na Central de Espectáculos de Vigo (Velázquez Moreno, 26).


El Puto Coke encargarase de abrir o Festival Son de Vigo

Será o vindeiro mércores 3 de agosto a partir das 22.30h na Praza da Constitución e tras a intervención do presentador Tony Lomba. El Puto Coke, MC e compositor, é xa unha referencia dentro do estilo e un dos produtores destacados en Galicia.  De feito, creou hai catro anos a súa propia produtora Licor Kafé. En 2011 sorprende a público e crítica co seu single Gal-Ego, unha nova reviravolta nos máis de quince anos de carreira musical. Podes escoitalo aquí:

http://dl.dropbox.com/u/28978906/ElputocokeGalEgo.zip


Os grupos musicais da cidade, protagonistas do Festival Son de Vigo do 3 ao 6 de agosto

Un espazo propio e relevante para a música feita en Vigo dentro das festas de verán. Esta é a filosofía que impulsan á Alcaldía e ao departamento de Cultura e Festas a poñer en marcha o Festival Son de Vigo, un punto de encontro para os artistas que desde a cidade proxectan o seu traballo cara novos mercados e públicos. Do 3 ao 6 de agosto o público vigués poderá asistir ás actuacións de El Puto Coke, Wöyza, Leo i Arremecaghona, Alféizar, Amaro Ferreiro, Abraham Boba, Ragdog, Miguel Costas, Eladio y los Seres Queridos e Iván Ferreiro.

Mércores 3 de agosto. Praza da Constitución. 22.30h. Entrada libre. El Puto Coke + Wöyza.

Xoves 4 de agosto. Praza da Constitución. 22.30h. Entrada libre, Leo i Arremecaghona + Alféizar

Venres 5 de agosto. Praza da Constitución. 22.30h. Entrada libre. Amaro Ferreiro+Abraham Boba

Sábado 6 de agosto. Auditorio de Castrelos. 22.30h. Entrada: 3€. Ragdog + Costas + Eladio y los Seres Queridos + Iván Ferreiro

 

Eu Son de Vigo, e ti?

 

Non fai falta que naceras en Vigo, nin sequera que vivas na cidade. Son de Vigo é un festival que terá lugar do 3 ao 6 de agosto e que constituirá un espazo propio para a creatividade musical viguesa. Si, esa que se proxecta dentro e fóra da cidade: El Puto Coke, Wöyza, Alfeizar, O Leo, Amaro Ferreiro, Abraham Boba, Iván Ferreiro, Ragdog, Miguel Costas e Eladio y los Seres Queridos…Os escenarios, quizais os máis alucinantes de Vigo: a praza da Constitución e o Auditorio de Castrelos. E agora repetimos, eu Son de Vigo, e ti?